Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta colabora con Nacións Unidas para contribuír á mellora da calidade de vida dos refuxiados de Palestina


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a UNRWA asinan un convenio de colaboración para levar a cabo un proxecto en beneficio dos refuxiados de Palestina

A Xunta de Galicia, a través da súa Vicepresidencia acaba de asinar un convenio de colaboración coa UNRWA (Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados de Palestina) para levar a cabo o proxecto “Contribuíndo á supervivencia da poboación refuxiada palestina a través de artigos alimentarios”.

O proxecto ten como obxectivo principal reducir o impacto do conflito e a crise humanitaria na vida da poboación en situación de maior vulnerabilidade da Franxa de Gaza, a través da provisión de 216 cestas alimentarias. O importe destinado ao proxecto é de 20.000 euros.

A Xunta colabora con esta Axencia das Nacións Unidas dende o 2010, apoiando diversos programas de compensación alimentaria familiar para reducir o impacto do bloqueo sobre as familias refuxiadas máis necesitadas. Entre 2010 e 2016 a Xunta ten achegado 159.975 euros para colaborar nestas actuacións.

No III Plan Director da Cooperación Galega, aprobado pola Xunta e o Parlamento galego, identifícase a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación e establécese a necesidade de promover a presenza da cooperación galega na acción multilateral. Así mesmo, no Plan Anual 2016 tamén está recollida a sinatura deste convenio.

A Lei 3/2033, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento recoñece como prioridade sectorial a promoción da igualdade de oportunidades e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia nos refuxiados, desprazados e retornados, entre outros.